Thursday 28 de March de 2024

Once alumnos do IES Agra de Leborís participarón no obradoiro de debuxo urbano


Os obxectivos foron combinar a formación artística co coñecemento dos entornos naturais e a concienciación ecoloxista e patrimonial.

Once alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Agra de Leborís desfrutaron hoxe dunha mañá diferente dentro do seu horario lectivo -de 9:30 a 14:00 horas- participando no obradoiro de debuxo urbano que foi organizado grazas á colaboración entre o Concello, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o propio centro de ensino.

A acción formativa foi impartida pola escola profesional de banda deseñada e ilustración O Garaxe Hermético. Ademais da formación práctica desenvolvida hoxe na área recreativa de Gabenlle, tamén recibiron formación teórica por medio dun vídeo explicativo das diferentes técnicas de debuxo presentado polo ilustrador e produtor Kiko da Silva.

Este obradoiro, que se está a impartir nun total de dez municipios galegos, concluirá coa creación dun libro virtual con textos de Manuel Lourenzo inspirado nos debuxos de todos os rapaces.
Os obxectivos desta iniciativa son diversos e complementarios, xa que se combinará a formación artística dos participantes co coñecemento dos entornos naturais e a concienciación ecoloxista e patrimonial.